A COORDINACIÓN AUTONÓMICA DE TRANSPLANTES DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE PROMOVE UNHA NOVA EDICIÓN DO CURSO DE COMUNICACIÓN EN SITUACIÓNS CRÍTICAS PARA PROFESIONAIS SANITARIOS

ADOS e a Organización Nacional de Transplantes desenvolven esta iniciativa en distintos puntos de Galicia para posibilitar unha axeitada formación na área de doazón e transplante de órganos

Santiago, 24 de maio de 2021.

A Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, xunto coa Organización Nacional de Transplantes (ONT) están a promover dous “Cursos de Comunicación en Situacións Críticas: influencia no proceso da doazón”, destinada a profesionais sanitarios das áreas sanitarias de Ourense e Vigo.

No transcurso desta formación, que terá lugar en Allariz mañá, martes 25 de maio, e o mércores 26 en Vigo, desenvolveranse distintos obradoiros destinados a analizar os procesos de comunicación, para facilitar aos profesionais sanitarios a adquisición das ferramentas e habilidades axeitadas no momento de comunicación de malas novas.
Máis dunha vintena de profesionais sanitarios; médicos e persoal de enfermaría que traballan en unidades de coidados críticos, participarán en sesións de traballo nas que se abordarán diversos aspectos, tales como afrontar a perda e separación e os comportamentos e sentimentos asociados tras o falecemento dun ser querido no proceso de dó, así como a actitude dos profesionais nestes momentos especialmente sensibles para poder comunicar o falecemento e solicitar a doazón.

Esforzo formativo
O área da coordinación autonómica de transplantes de ADOS está a facer un especial esforzo, desde hai anos, por potenciar e mellorar a formación dos profesionais sanitarios do sistema público de saúde de Galicia e que abrangue a todos ós ámbitos de traballo do programa de doazón e o transplante de órganos.
Salientar que nesta ocasión serán David Uruñuela Olloqui; da ONT, e Marta Álvarez Vázquez; da Coordinación Autonómica de Transplantes, os responsables de coordinar e impartir estes dous cursos, profesionais cunha longa traxectoria no eido da formación no ámbito da comunicación en situacións críticas vencelladas ás áreas de doazón e transplante de órganos.

SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE

Comparte vida, únete a nós.