É-Saúde

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e a Consellería de Sanidade, dentro do programa de mellora continua a prol dos doantes galegos, facilita xa o acceso telemático dos resultados analíticos das doazóns de sangue a todos os doantes galegos na plataforma É-Saúde.

Co obxectivo de favorecer unha máis eficiente e eficaz comunicación cos cidadáns, sempre salvagardando as máximas garantías de seguridade e  confidencialidade, xa é posible que os doantes galegos accedan ás analíticas das súas doazón de sangue, mediante a historia clínica na plataforma É-Saúde e posibilitando, ademais, o acceso dos profesionais sanitarios aos anteditos datos, xa que se integran na historia clínica electrónica (IANUS). 

Documento para o acceso

Para acceder a todos os datos dos resultados analíticos das doazóns, os cidadáns tan só debe entrar na plataforma É-Saúde, para o cal é necesario dispor dalgún dos seguintes documentos: DNI electrónico, Certificado Dixital ou Chave 365. Posteriormente, deben acceder á súa historia clínica e entrar na pestana de “Informes Sergas”, onde atoparán recollidas, baixo a epígrafe de “Probas de Laboratorios-ADOS”, os informes referidos aos resultados das probas analíticas realizadas ás doazóns de sangue que, tradicionalmente, reciben os doadores e doadoras de sangue con posterioridade á súa doazón. Neste sentido, salientar que os doantes continuarán a recibir a carta cos resultados analíticos en papel e este sistema de contacto convivirá coa información electrónica.

Tutorial e tríptico

ADOS elaborou un vídeo tutorial que, desde hoxe, xa é posible consultar na páxina web da Axencia, ados.sergas.gal, así como nas redes sociais de ADOS (Facebook, Twitter e Instagram). Ademais, todos os novos doantes recibirán coa sua tarxeta de doante de sangue un tríptico informativo en papel que explica o modo de acceso á antedita información.
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue agarda que este novo sistema de contacto cos doantes contribúa a unha mellor e máis fluida comunicación cos cidadáns e quere salientar, unha vez máis, o sincero recoñecemento de toda a sociedade galega aos doantes de sangue que, co seu solidario xesto contribúen ao axeitado desenvolvemento do intenso labor asistencial do noso sistema público de saúde.

Comparte vida, únete a nós.