Banco de sangue de cordón umbilical

Normalmente tras o nacemento, o cordón umbilical e o sangue que contén son desbotados. Non obstante, descubriuse que o sangue do cordón umbilical contén células especializadas na renovación das células sanguíneas e que transplantadas a pacientes cuxa medula ósea estea enferma, permite obter éxitos terapéuticos prometedores. En concreto, a principal utilidade do sangue de cordón umbilical (SCU) son os transplantes para pacientes, con enfermidades conxénitas ou adquiridas, tales como as leucemias agudas ou crónicas, etc. O ideal para os enfermos é encontrar un doador compatible entre os seus familiares máis directos, pero isto só acontece en arredor do 30% dos casos.
Banco de sangue de cordón umbilical

 

Dende que se abriu a posibilidade do emprego do sangue de cordón umbilical, foron creándose bancos de sangue de cordón umbilical en todo o mundo. Estes cordóns son doados de forma altruísta e utilizados sempre que hai un enfermo compatible que o necesite.

Desta forma, hoxe en día cando se indica un transplante de proxenitores hemopoiético (os habitualmente chamados "transplantes de medula") as buscas de doadores realízanse tanto de doadores de medula ósea, coma entre as unidades de sangue de cordón umbilical almacenadas. No noso país o Rexistro Español de Doadores de Medula Ósea (REDMO) é quen realiza estas buscas.


Que debo facer para doar sangue de cordón?
  • Informarme de se a maternidade na que darei a luz está autorizada para realizar a extracción de sangue de cordón.
  • Non ter antecedentes familiares de enfermidades infecciosas ou xenéticas potencialmente transmisibles.
  • Indicar o meu desexo de doar sangue ao persoal de obstetricia que me atenda durante o meu embarazo ou ben no momento do ingreso para dar a luz.
  • Cumbrir e asinar o consentimento tras recibir toda a información desexada.


Que farán co sangue do cordón?
  • O sangue de cordón será utilizado para calquera enfermo que a necesite, de acordo coas indicacións médicas e o grao de compatibilidade e adecuación aos requirimentos celulares.
  • Non haberá ningunha discriminación por motivos de raza, nacionalidade, relixión ou situación económica.
  • Se a unidade de cordón obtida non cumpre os criterios para poder ser usada para transplante poderá ser utilizada en estudos de validación de procesos no banco de cordón. Non será usada con fins de investigación (Lei 14/2007, de investigación biomédica).


A que me comprometo?

Facilitaráselle un consentimento informado par a que o asine coa seguinte declaración:

"Entendo que o sangue de cordón umbilical será utilizado para un transplante a calquera enfermo que o necesite.

Entendo que a información referente a min e ao meu bebé será codificada e tratada confidencialmente, de forma que queden protexidas as nosas identidades.

Consinto que se me faga unha análise de sangue o día do parto e, de forma opcional, outro nos 4 ou 6 meses seguintes.

Informarei de calquera anomalía de saúde de importancia detectada no neno.

Entendo que calquera resultado patolóxico detectado na analítica me será comunicado polo médico responsable.

Entendo que o meu consentimento non obriga o Hospital a recoller o sangue do cordón umbilical se se considera que as circunstancias non son adecuadas.

Entendo que a doazón é altruísta e que dela non se derivará ningunha compensación económica.

Entendo que teño a posibilidade de renunciar a este consentimento ata o nacemento do meu fillo.

Recibín e leu toda a información ofrecida e estou de acordo; puiden facer todas as preguntas que considerei convenientes e aclaráronme todas as dúbidas.

En consecuencia, dou o meu consentimento para a doazón de sangue de cordón umbilical."


Como é a recollida do sangue de cordón?

O sangue do cordón umbilical recóllese tras o nacemento do neno e despois da sección do cordón umbilical. Para iso realízase unha simple punción do cordón umbilical, habitualmente mentres a placenta está aínda no útero. A recollida do sangue de cordón non debe modificar o desenvolvemento normal do parto.


Onde podo doar?

Naquelas maternidades autorizadas para facelo, xa que o centro extractor de sangue de cordón umbilical ha de contar cun equipo especialmente cualificado en realizar esta extracción, ha de ter suficiente persoal para asegurar que coa recollida non se desatende a nai ou o neno, e ha de certificar que a unidade de sangue de cordón se conserva nas condicións óptimas ata o seu envío ao Banco de Cordón correspondente.


Máis información:
Para máis información pode contactar coa Unidade Funcional de Criobioloxía e Banco de Sangue de Cordón umbilical da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.
  • Correos electrónicos: doadoressangue.ados@sergas.gal | ados@sergas.gal
  • Teléfonos: +34 881 546 900 | 900 100 828

Comparte vida, únete a nós.