POR QUE
DOAR SANGUE?
- O corpo humano ten unha determinada cantidade de sangue, necesaria para que os órganos funcionen dunha maneira adecuada. Unha perda repentina dun gran volume de sangue, como no caso de hemorraxias internas ou externas, xa sexa por un accidente, unha operación cirúrxica complicada, durante ou despois do parto, grandes queimaduras, fortes traumatismos... Provocan a necesidade dunha rápida transfusión para restablecer o volume corporal de sangue e que os órganos internos non deixen de funcionar.
- A pesar dos grandes avances que se produciron nas últimas décadas no campo da medicina, aínda non se conseguiu fabricar sangue. Polo que a única maneira que teñen as institucións sanitarias de obtelo é mediante a doazón.
- Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), nove de cada dez
persoas van precisar unha transfusión de sangue ao longo da súa
vida.
- A demanda do abastecemento de sangue é continuo nos hospitais e, polo tanto,
tamén a necesidade de doazón do mesmo.
- En Galicia precísanse entre 400 e 500 doazóns diarias para cubrir
as necesidades dos nosos hospitais.
- É un proceso sinxelo e indoloro, que require tan só duns minutos e que
non reporta ningún risco para o doante.
- É un gran acto de altruísmo,
xenerosidade e empatía coa sociedade.
- En calquera momento da túa vida, o beneficiado dese
gran acto de altruísmo,
xenerosidade e empatía podes ser ti.
PODO
DOAR SANGUE?
Si podes
doar sangue se tes entre 18 e 65 anos (ata os 70 co informe anual favorable do teu médico), pesas mais de 50 quilos e tes
boa saúde. Os
homes poden doar ata catro veces ao ano e as mulleres tres, deixando
pasar entre doazón e doazón un mínimo de dous meses. Se estiveches en contacto con alguén que tivo o covid pero tes as
pautas completas de vacinación e non tes síntomas, tamén podes
doar. E se tiveches o covid, debes esperar 7 días
para poder doar desde o final dos síntomas, ou 14 se estes foron severos. E se estás tomando medicación, pregúntalle ao médico da unidade móbil de doazón de sangue ou no número de teléfono: 900 100 828
Non
podes
doar sangue se padeciches,
padeces
ou es portador crónico de enfermidades que se podan transmitir polo sangue.
Tampouco podes ser doante se padeces enfermidades graves
(corazón, ril, pulmón, cancro...) ou crónicas (epilepsia, asma
grave, diabete insulinodependente...)