A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE LEMBRA A NECESIDADE DE DOAR, ESPECIALMENTE DO GRUPO CERO POSITIVO, NAS XORNADAS PREVIAS AOS FESTIVOS DE SEMANA SANTA

As unidades móbiles de ADOS visitarán máis de 30 concellos galegos co obxectivo de garantir o axeitado abastecemento dos diferentes grupos sanguíneos aos nosos hospitais

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2023.- 

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) convida as galegas e galegos para que participen nos días previos aos festivos de Semana Santa, en especial aos doantes 0 Positivo. As reservas deste grupo sanguíneo presentan niveis baixos, polo que é preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón que realiza a Consellería de Sanidade por mediación de ADOS.

En períodos de vacacións, como Semana Santa, pode baixar o número de doazóns, pero non acontece o mesmo coa demanda de sangue e os seus derivados que precisan os centros sanitarios. Por iso, é imprescindible a xenerosidade e altruísmo de todos os cidadáns, polo que ADOS solicita un esforzo especial para incrementar as reservas de sangue. Neste sentido, lembrar que durante todos os días do ano, precisamos entre 400 e 500 doazóns de sangue para que os hospitais galegos realicen o seu labor asistencial de maneira adecuada.
 
Doar é moi sinxelo e seguro

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.

As distintas unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitarán nestes días  máis de 30 concellos galegos para conseguir as doazóns precisas que garantan o desenvolvemento do gran labor asistencial dos distintos centros sanitarios de Galicia. ADOS espera contar de novo coa solidariedade da cidadanía galega nos seguintes desprazamentos:

Luns 3 de abril: 
Valdoviño, Bº Monte Alto e Os Rosales (A Coruña), Ordes, Aguiño (Ribeira), Ribadumia, O Rosal, As Neves, Chantada, Rúa do Paseo e Avda Buenos Aires (Ourense).

Martes 4 de abril: 
Ares, Arteixo, Santa Cruz (Oleiros), Milladoiro (Ames), Cacheiras (Teo), Portonovo (Sanxenxo), Gondomar, Mondariz, Ribadeo, A Valenza (Barbadas).

Mércores 5 de abril: 
As Pontes, Carballo, Obelisco (A Coruña), Ribeira, Praza Roxa (Santiago), Cambados, Aguarda, Arbo, Praza Maior, Ronda das Fontiñas (Lugo), Verín.

Sábado 8 de abril:
Bº San Valentín (Fene) Carballo, Ribeira. Cambados,A Guarda, Verín.

Ademais, ADOS recorda que tamén se pode doar sangue nos locais de doazón existentes nas sete grandes cidades galegas, excepto o xoves e venres de Semana Santa. Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. 


SAÚDOS DO GABINETE DE COMUNICACIÓN DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE.​​
 

Comparte vida, únete a nós.