ADOS FACILITA AOS DOANTES GALEGOS A CONSULTA DOS RESULTADOS ANALÍTICOS DAS SÚAS DOAZÓNS DE SANGUE NA PLATAFORMA É-SAÚDE

Esta nova medida intégrase dentro do programa de mellora continua na atención aos doadores e doadoras que está levando a cabo a Axencia Para coñecer estes datos, os cidadáns deben dispor de DNI electrónico, Certificado Dixital ou Chave 365 e acceder á súa historia clínica en É-Saúde

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2021. 

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e a Consellería de Sanidade, dentro do programa de mellora continua a prol dos doantes galegos, facilita xa o acceso telemático dos resultados analíticos das doazóns de sangue a todos os doantes galegos na plataforma É-Saúde.

Co obxectivo de favorecer unha máis eficiente e eficaz comunicación cos cidadáns, sempre salvagardando as máximas garantías de seguridade e  confidencialidade, xa é posible que os doantes galegos accedan ás analíticas das súas doazón de sangue, mediante a historia clínica na plataforma É-Saúde e posibilitando, ademais, o acceso dos profesionais sanitarios aos anteditos datos, xa que se integran na historia clínica electrónica (IANUS). 

Documento para o acceso

Para acceder a todos os datos dos resultados analíticos das doazóns, os cidadáns tan só debe entrar na plataforma É-Saúde, para o cal é necesario dispor dalgún dos seguintes documentos: DNI electrónico, Certificado Dixital ou Chave 365. Posteriormente, deben acceder á súa historia clínica e entrar na pestana de “Informes Sergas”, onde atoparán recollidas, baixo a epígrafe de “Probas de Laboratorios-ADOS”, os informes referidos aos resultados das probas analíticas realizadas ás doazóns de sangue que, tradicionalmente, reciben os doadores e doadoras de sangue con posterioridade á súa doazón. Neste sentido, salientar que os doantes continuarán a recibir a carta cos resultados analíticos en papel e este sistema de contacto convivirá coa información electrónica.

Tutorial e tríptico

ADOS elaborou un vídeo tutorial que, desde hoxe, xa é posible consultar na páxina web da Axencia, ados.sergas.gal, así como nas redes sociais de ADOS (Facebook, Twitter e Instagram). Ademais, todos os novos doantes recibirán coa sua tarxeta de doante de sangue un tríptico informativo en papel que explica o modo de acceso á antedita información.
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue agarda que este novo sistema de contacto cos doantes contribúa a unha mellor e máis fluida comunicación cos cidadáns e quere salientar, unha vez máis, o sincero recoñecemento de toda a sociedade galega aos doantes de sangue que, co seu solidario xesto contribúen ao axeitado desenvolvemento do intenso labor asistencial do noso sistema público de saúde.

SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE

Comparte vida, únete a nós.