A PRIMEIRA FASE DA CAMPAÑA DE DOAZÓN NAS UNIVERSIDADES GALEGAS PROMOVIDA POR ADOS INCREMENTA UN 21,6% A PARTICIPACIÓN E ACHÉGASE CADA VEZ MÁIS AO OBXECTIVO DO “RETO 5000”

No transcurso da primeira fase participaron 2.878 membros da comunidade universitaria, dos cales un 36,7% doaban sangue por vez primeira

Santiago, xoves 5 de marzo de 2020. 

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) quere amosar o seu agradecemento a todos os membros da comunidade
universitaria pola súa excelente participación na primeira fase da campaña de doazón nas universidades galegas e que supuxo superar nun 21,6% as doazóns acadadas no mesmo período do ano anterior. 
ADOS principia este mes de marzo a segunda fase da campaña especial de doazón de sangue na Universidade que se prolongará ata o vindeiro mes de maio, marcándose como obxectivo o “Reto 5000”, que pasa por acadar as 5.000 doazóns de sangue e superar ás 4.601 doazóns recollidas no pasado ano académico.
No transcurso da primeira fase da campaña na Universidade do curso 2019-2020, rexistrouse a participación de 2.878 membros da comunidade universitaria, cifra que representa un incremento do 21,6% con respecto ao mesmo período do curso anterior.
Especialmente salientable resulta a participación de 1.136 cidadáns que doaron sangue por vez primeira, cifra que representa o 36,7% do total de doazóns rexistradas.

​CAMPUS ​DOAZÓNS ​NOVOS DOADORES
A CORUÑA​ ​812 ​302
FERROL​ ​134 ​58
​LUGO ​189 ​52
​PONTEVEDRA ​120 ​21
​OURENSE ​237 ​67
​SANTIAGO ​880 ​409
​VIGO ​506 ​227
​TOTAL ​2878 ​1136​
 

Importante participación

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue lembra a importancia que ten o desenvolvemento das campañas de doazón no eido educativo, tanto en centros de
educación non universitaria como universitaria xa que, para moitos xovenes, é o primeiro contacto que teñen co solidario xesto da doazón de sangue.
Esta iniciativa, que se prolongará ata o vindeiro mes de maio, é posible grazas á colaboración que brindan os reitores das tres universidades, así como os decanos e directores de todos os centros educativos, membros da comunidade universitaria (PAS, alumnos e alumnas....)
Nas xornadas previas ao desenvolvemento da cada campaña, impartiranse charlas didácticas e distribuirase material informativo cos requisitos precisos para doar e da data e lugares onde podemos participar.

ADOS quere reiterar o agradecemento a todos os membros da comunidade universitaria a súa colaboración, ao tempo que reitera o seu compromiso co labor educativo e de sensibilización que se levan a cabo nas Universidades. Neste sentido, lembrar que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue colabora coa Universidade noutras iniciativas como a realización de visitas formativas por parte dos centros universitarios ata os laboratorios de ADOS, colaboración con distintos colectivos e asociacións universitarias ou a realización de proxectos de Aprendizaxe e Servizo levados a cabo con distintas facultades
da Universidade de Santiago de Compostela (USC), concretamente, neste curso coas Facultades de Ciencias da Educación e de Enfermaría da USC.

SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE

Comparte vida, únete a nós.