A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE INICIA HOXE UN ESTUDO CLÍNICO COA RECOLLIDA DE PLASMA DE DOENTES RECUPERADOS DO COVID- 19

ADOS comezou esta mañá na súa sede a extracción de plasma procedente de persoas recuperadas, nun estudo científico en colaboración co Complexo Hospitalario Universitario de Vigo que preseleccionou aos candidatos

Santiago, 22 de abril de 2020. 

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) inicia hoxe en Vigo a extracción de plasma procedente de doentes recuperados de COVID-19, mercé á orde da Consellería de Sanidade que establece os criterios para o desenvolvemento de iniciativas en materia de investigación nos centros do sistema público de saúde durante o período que dure a emerxencia sanitaria que estamos a vivir. Desde a Consellería de Sanidade, por medio de ADOS, estase colaborando cos hospitais da rede pública de Galicia no deseño deste estudio de investigación que permita obter as mellores evidencias científicas ao redor das potenciais utilizacións do plasma procedente de doentes recuperados.
ADOS é o centro responsable de ditar as instruccións e recomendacións, así como a elaboración dos protocolos de procedemento, en coordinación cos centros sanitarios galegos, para organizar as doazóns de plasma, velando polo cumprimento dos estritos estandares de calidade existentes. 

Selección de candidatos 

Nesta fase inicial, os doentes foron seleccionados polo servizo de Hematoloxía e Hemoterapia do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Unha vez seleccionados, esta mesma maña iniciouse, no local de doazón de ADOS en Vigo, a extracción do plasma mediante o proceso de aférese, un sistema que permite a extracción selectiva dos compoñentes sanguíneos. 
Os criterios de selección de potenciais doantes establecen que os participantes tiveran diagnóstico de COVID-19 documentado por proba de laborario, con bo estado de saúde e asintomáticos, e que teñan agardado catorce días desde ter evidencia de PCR negativa e recuperación total. Así mesmo, establecese un estrito protocolo de doazón de plasma e unha determinacion de Ac anti SARS-Cov-19. Todas as persoas participantes deben realizar un consentimento informado para tomar parte neste estudio clínico.

Procesamento das mostras

Posteriormente, a Axencia responsabilízase do tratamento e inactivación das unidades de plasmaférese obtidas con azul de metileno. As unidades procesadas en ADOS criopreservadas e almacenaranse a -30ºC, tendo unha vida útil de ata dous anos. Estas unidades valídanse e etiquetanse, atendendo aos estritos estandares de calidade marcados polo Comité de Seguridade Transfusional do Ministerio de Sanidad, e o seu uso será
exclusivo para investigación en doentes con confirmación COVID-19.
A Axencia salienta a importancia do desenvolmento deste estudo científico que hoxe comezou en Vigo e que continuará a desenvolverse e extenderse entre todos os hospitais do sistema público de saúde de Galicia.
ADOS quere agradecer a todas as persoas que están a colaborar neste estudo, tanto aos profesionais da Axencia como do CHUVI e, por suposto, a todos os doentes voluntarios que participan, a súa colaboración, xa que abre novas posibilidades e liñas de investigación. 

SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE

Comparte vida, únete a nós.