ADOS CONMEMORA O DÍA MUNDIAL DO DOADOR DE SANGUE 2020 SALIENTANDO A EXCELENTE RESPOSTA E A XENEROSIDADE DOS DOANTES GALEGOS DESDE O INICIO DA CRISE SANITARIA POLA COVID-19

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue lembra que o índice de doazón do 2019, situouse en 41 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, superando en dous puntos a taxa acadada no ano anterior e por riba da media estatal.

Santiago, 12 de xuño de 2020. 

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) salienta hoxe, con motivo da próxima conmemoración do Día Mundial do Doador de Sangue o vindeiro 14 de xuño, a xenerosidade de todos os galegos e galegas que doan, especialmente, a todos aqueles que, desde o pasado 13 de marzo, teñen colaborado activamente nas campañas de doazón de sangue.
Ante a imposibilidade de realizar físicamente o habitual acto de conmemoración do Día Mundial do Doador de Sangue 2020, ADOS, nesta ocasión, quere facer unha homenaxe a todos os doantes de sangue mediante a emisión dun vídeo especial, o vindeiro domingo 14 de xuño, que será difundido a través das redes sociais da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (Facebook, Instagram, Twitter e canle de YouTube). 
Deste xeito, ADOS quere facer chegar o seu recoñecemento a todos os doantes de sangue e, como non, aos concellos, centros educativos, empresas, irmandades de doantes,.... e a todos os colectivos que día a día, desde hai máis de dúas décadas, teñen contribuido a crear unha conciencia solidaria proclive a doazón de sangue en Galicia 

Índice de doazón

ADOS salienta que Galicia acadou, o pasado 2019, unha cifra de 41 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, superando o índice de participación que recomenda a Organización Mundial da Saúde e sitúandose dous puntos por riba da cifra acadada no exercicio anterior.
As 109.330 doazóns de sangue acadadas en 2019 supoñen un crecemento do 3,1% con respecto ao ano anterior, sendo as provincias de Lugo e Ourense as que rexistraron un maior crecemento, do 13,9% e do 7,3%, respectivamente, a pesar das dificultades sociodemográficas que presentan ambas provincias.
ADOS quere agradecer a todos os doantes o seu compromiso coa doazón que ten permitido incrementar, novamente, a cifra de doazóns en Galicia, así como acadar 9.532 doantes novos, cifra que representa un total do 15,1% de doadores do pasado ano e que supón unha importante renovación na base de doadores.
Así mesmo, quere facer extensivo, e de xeito, moi especial este agradecemento ás preto de 24.000 persoas que teñen doado sangue desde o pasado 13 de marzo e que permitiron garantir o desenvolvemento da actividade asistencial hospitalaria desde o inicio da crise sanitaria pola COVID-19.

Iluminación edificios

Moitos concellos galegos queren sumarse esta fin de semana á conmemoración do Día Mundial do Doador de Sangue polo qu​e edificios e localizacións significativas das principais cidades galegas, iluminaranse en cor vermella para salientar o labor xeneroso e vital que realizan todos os días, centos de cidadáns que doan sangue para permitir que moitos enfermos solucionen graves problemas de saúde.
Concretamente serán na madrugada do sábado 13, a Ponte Vella (Ourense) e o Pazo de Raxoi (Santiago), as zonas iluminadas, mentras que na noite do 13 ao 14 de xuño serán a Fonte de Cuatro Caminos (A Coruña), o Teatro Jofre (Ferrol), a fachada da Casa do Concello (Pontevedra), a Torre de Hejduk da Cidade da Cultura (Santiago) e a Pérgola de Plaza América (Vigo), as zonas que lucirán iluminadas lembrando a solidariedade dos doadores de sangue.
Desde ADOS manifestar o recoñecemento a todas as persoas, institucións e asociacións que colaboran nas campañas informativas a prol da doazón de sangue, especialmente ás Irmandades de Doadores de Sangue e a todas as persoas que doaron sangue no pasado 2019 e ao longo do presente ano que, a pesar da situación excepcional que estamos a vivir, son conscientes do valor vital que supón facer unha doazón de sangue.

SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE

Comparte vida, únete a nós.