A COORDINACIÓN AUTONÓMICA DE TRANSPLANTES DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE PROMOVE UN TALLER DE MALAS NOTICIAS

ADOS desenvolve esta iniciativa destinada a persoal de enfermaría para posibilitar unha axeitada formación na área de doazón e transplante de órganos

A Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue promoverá mañá, mércores 19 de maio, un Taller de Comunicación de Malas Noticias, destinada a profesionais de enfermaría. 

Nesta formación, que será impartida por Marta Álvarez Vázquez; da Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS, na sede ourensá de SATSE, participarán unha vintena de profesionais do eido da enfermaría e desenvolverase un intenso programa formativo que abordará como comunicar as malas noticias e saber recoñecer o inicio do dó e que actitude a tomar ante as distintas reacción deste proceso. Así mesmo, a relación de axuda e as habilidades básicas neste proceso de comunicación terán un desenvolvemento destacado. Unha vintena de profesionais da enfermería participarán nestas sesións de traballo nas que se abordarán distintos aspectos, tales como afrontar a perda e separación e os comportamentos e sentimentos asociados tras o falecemento dun ser querido, así como a actitude dos profesionais nestes momentos especialmente sensibles. 

O obxectivo do curso pasa por humanizar a relación dos profesionais do eido sanitario co doente e a súa familia, así como proporcionarlle as habilidades básicas que faciliten a interacción co doente e os seus familiares. Esforzo formativo O área da coordinación autonómica de transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue está a facer un especial esforzo, desde hai anos, por potenciar e mellorar a formación dos profesionais sanitarios do sistema público de saúde de Galicia e que abrangue a todos ós ámbitos de traballo do programa de doazón e o transplante de órganos. 

Os excelentes datos de doazón e transplantes de órganos acadados nos últimos anos son froito do traballo de sensibilización e información desenvolvido en distintos eidos, tanto a nivel da sociedade en xeral, como nas ferramentas e capacitación dos profesionais sanitarios que participan nalgunha das fases desta área de traballo fundamental do noso sistema público de saúde. ​

Comparte vida, únete a nós.