Farmacia

 

A principal función da Farmacia de ADOS é obter medicamentos derivados do plasma dos doantes de Galicia e distribuilos aos Hospitais do Servizo Galego de Saúde.

O sangue fracciónase na instalacións de ADOS en tres produtos diferentes: 

    • glóbulos vermellos

    • plaquetas 

    • plasma: parte líquida do sangue, con alto contido en proteínas

Concretamente, o plasma ten dous usos diferenciados: 

  • Transfusión directa de plasma: principalmente para enfermos con grandes hemorraxias ou alteracións na coagulación

    • Fabricación de medicamentos hemoderivados plasmáticos

O plasma pódese obter de dúas maneiras: 

    • Separación do plasma das doazóns de sangue

    • Doazón de plasma por plasmaférese.

Os medicamentos hemoderivados plasmáticos son necesarios para o tratamento de diferentes patoloxías, algunhas delas son as chamadas enfermidades raras que non teñen alternativas terapéuticas. 

Estes tratamentos, moitas veces, son indispensables para a supervivencia e a calidade de vida dos pacientes: un claro exemplo son os pacientes diagnosticados de inmunodeficiencias, que teñen falta dun tipo de defensas: os anticorpos.

Os anticorpos contidos no plasma dos doantes son específicos fronte aos microbios que existen na súa zona xeográfica. 

Os medicamentos hemoderivados plasmáticos de ADOS, están formados por proteínas obtidas do plasma procedente do sangue de doantes altruistas nacionais, e distribúense na súa totalidade para seren utilizados nos Hospitais Públicos do Servizo Galego de Saúde. Aínda así, a cantidade de medicamentos distribuidos por ADOS non alcanza para abastecer tódalas necesidades de tratamento dos nosos hospitais, polo que é necesario adquirir medicamentos alternativos procedentes de países estranxeiros.

As doazóns de sangue, e especialmente as de plasma por plasmaférese, contribúen a aumentar a dispoñibilidade dos medicamentos hemoderivados para os doentes que os precisan.


Os medicamentos hemoderivados plasmáticos distribuidos por ADOS son:

Albúmina: 

   • É a proteína de maior proporción no sangue

  • Utilízase principalmente en pacientes con enfermidades hepáticas descompensadas ou en pacientes críticos ingresados nas UCI.

Factor VIII e Factor de Von Willebrand: 

   • Son factores da coagulación

   • O Factor VIII úsase para evitar e tratar os sangrados nos pacientes diagnosticados de Hemofilia A (carencia de Factor VIII)

   • O Factor de Von Willebrand úsase para evitar e tratar os sangrados nos pacientes diagnosticados de enfermidade de Von Willebrand (carencia de Factor de Von Willebrand)

Inmunoglobulinas: 

   • Son os anticorpos presentes no sangue, que nos proporcionan defensa fronte ás infeccións

    • Utilízase principalmente como:

      ◦Reposición: a pacientes diagnosticados de inmunodeficiencias (falta de anticorpos e vulnerabilidade ás infeccións) 

    ◦Inmunomodulador para o tratamento de pacientes con alteracións do sistema inmunitario ou enfermidades raras como: 

         ▪Trombocitopenia inmune primaria (falta de plaquetas e aparición de sangrados)

         ▪Síndrome de Guillaín Barré (funcionamento incorrecto dos nervios)

         Enfermidade de Kawasaki (enfermidade infantil con agrandamento das arterias)

         ▪Neuropatía motora multifocal (enfermidade progresiva das extremidades)

α1-antitripsina:

  • É unha proteína presente no sangue necesaria para que non se deterioren os pulmóns

    • Utilízase en pacientes diagnosticados de déficit de α1-antitripsina e por tanto risco de destrución progresiva dos pulmóns. Esta enfermidade, comparando co resto da península, é máis frecuente en Galicia.

Comparte vida, únete a nós.